Tuesday 21 de May de 2024

O Cantón da Leña convértese nun mercado de Nadal a ceo aberto


A iniciativa De tendas no Nadal desenvolverase nesta época festiva no Cantón da Leña e conta coa participación de oito postos do comercio de proximidade dedicados, principalmente, á artesanía, moda e alimentación; representados no acto de presentación por Estrella Lijó, de Mil colores; David Pérez, de Noites de Datura; Jessica Mello, de Arte creativa; e Alba Fernández, de AmarAMares.

A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, indica que se pretende outorgar así un escaparate a negocios que non contan cun local ao uso e que se establezan sinerxías cos establecementos do núcleo urbano. Ademais, o Concello pon a disposición do tecido asociativo un espazo como sucedeu xa coa Protectora Moura e como fará na fin de semana a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que impartirá uns talleres de manualidades e decoración, nos días 14 e 20, respectivamente.

No que respecta ás actividades de dinamización, está programada a actuación de Os monifates, no día 9, dende as 18.00 ata as 19.00 horas, e un photocall Disney e xogo da ruleta, no día 28.

Os postos permanecerán ata o 5 de xaneiro co seguinte horario de apertura: de luns a xoves, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00; nos venres e sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas; e nos domingos, de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas.